28 feb. 2015

Con Lucía Aldao e María Lado, no Elviña


O pasado xoves 26 vivimos unha grata experiencia poética -e humorística- da man das poetas María Lado e Lucía Aldao



Foi no IES de Elviña, onde xa imos sendo "antigos" coñecidos grazas a que a coordinadora do sue club de lectura, Puri, sempre se lembra de nós. Alí, estas poetas combinaron seriedade e intensidade literaria cun fino humor moi didáctico e ameno. Aprendimos a colocar o pronome átono en galego mentres escoitabamos cantar o coñecido tema de Rocío Jurado "Te amo" (mellor dito, Ámote), compuxemos conxuntamente un poema dadaísta bastante simpático, cantamos un pouquiniño coa axuda dun "karaoke analóxico", agasalláronnos cun poema para pedir perdón, co maduro título de "Cuqui" e soltamos unhas cantas gargalladas analizando sentenzas urbanas en forma de grafitis máis ou menos elaborados, como "Alex estubo (sic) aquí", "Clemente drogadito (sic)", "Aquí te puse los cuernos" e mesmo máis ideolóxicos como  "Chochos tristes fóra da Coruña" ou "Como pode un repartidor de madalenas chegar a alcalde". 



Todo isto, aderezado coa magnífica arte declamatoria de María Lado (co seu característico seseo e gheada da Costa da Morte) e a clara e potente voz de Lucía Aldao. 

Bos momentos...


 



*Non podo evitar comentar como o azar dos azares estanos a acompañar neste curso. Tanto Francisco Castro, que nos visitou en novembro pasado como Lucía Aldao participaron (xunto con moitos outros e outras) no libro colectivo Urbano. Homenaxe a Lugrís, de A nave das ideas (2011). Parece que todo "conspira" co pintor, cuxo nome leva o noso instituto e sobre o que acabamos de comezar a traballar co Contrato Programa: "Mapa emocional de Lugrís" (do que falaremos noutra entrada).

24 feb. 2015

Premios de EXPRESarte II

Recibimos un montón de amorosos caligramas e ben variados. Mirándoos, léndoos con calma, como podedes facer cando queirades, se pasades pola biblioteca, decidimos conceder os seguintes premios: 


No nivel 1 (1º - 3º ESO e FPB):

  1. Morelys de los Santos, de 1º ESO C (o mellor conxunto de texto e caligrama)
  2. Carlos Vélez Redondo, de 3º ESO B  (co texto máis surrealista)
  3. Devora Mishel Carrasco, de FPB Aloxamento e Lavandería (co texto máis amoroso) e Deyselle Sandes Gonzaga, de FPB Arranxos (co caligrama máis orixinal)
No nivel 2 (4º ESO e Bacharelato): 
  1. David Docampo Segade, de 2º Bac B  (o máis entrañable, o mellor texto, o mellor caligrama)
  2. Marta Sandino Veiga, de 4º ESO (o máis estético)
  3. Yaiza Paz Ares, de 4º ESO (o máis simpático)





Noraboa!!!

18 feb. 2015

"Galicia móvese" poeticamente



Na exposición de libros emprestados pola Biblioteca de Os Rosales, tivemos uns poucos que levaban a etiqueta "Galicia móvese" facendo referencia a un dos  blog desta biblioteca que leva ese título e que é moi interesante.

Recoméndovos que vexades, por exemplo, o vídeo da poeta Yolanda Castaño, "A segunda lingua", que tamén é o título do seu novo poemario.

Ou tamén o booktrailer sobre o libro Raíz da fenda, da poeta intimista compostelá Berta Dávila.

E moitos outros, que deixo que descubra a vosa propia curiosidade.

2 feb. 2015

Concurso EXPRES-arte (2ª edición)

Empezamos febreiro e neste mes desde a Biblioteca animámosvos a celebrar o AMOR E A AMIZADE a través de mensaxes ou textos con esta temática en forma de CALIGRAMA escritos sobre un CORAZÓN de papel ou similar.


BASES DO CONCURSO:

  • Escribirase un texto ou mensaxe de amor e amizade sobre un corazón de papel ou similar (máximo tamaño folio), en forma de caligrama.
  • O caligrama e o texto deben ser inéditos (non copiados), escritos en galego, castelán, inglés ou francés.
  • O caligrama pode ou non estar dirixido ou dedicado a alguén do Instituto.
  • Na biblioteca ofrecerase para quen o queira algún material para a realización do corazón a quen o desexe (cartulina, papel de cores, tixeiras...).
  • Deberase procurar que non teña faltas de ortografía, e que sexa o máis artístico, orixinal e emotivo posible
  • O prazo de entrega remata o venres 13 de febreiro.
  • Os corazóns con caligrama entregaranse na biblioteca, co nome, apelidos e curso.
  • O xurado estará conformado polo profesorado do grupo de biblioteca e dos departamentos de linguas e de plástica do centro. (Podedes pedir orientación ou consello ao profesorado destas materias).
  • Haberá “amorosos” premios aos traballos máis orixinais, tanto polo corazón realizado, como polo caligrama; valorarase así mesmo a claridade literaria e, por suposto, profundidade sentimental.
  • O xoves 19 de febreiro expoñeranse todos os corazóns presentados e as persoas destinatarias cando as haxa poderán admiralos e, cando remate a exposición, quedarse con eles.

Anímate a expresarte con AMOR!!!